Un templete é unha pequena estrutura con forma de templo, habitualmente destinada a albergar algún obxecto.[1] Por norma xeral os templetes aloxan elementos relixiosos e/ou funerarios, tales como restos fúnebres, iconas, imaxes ou reliquias, aínda que en ocasións son simplemente conmemorativos. Por extensión tamén recibiron o nome de templetes moitas edificacións singulares de pequeno tamaño, con independencia do seu uso, así como algúns elementos decorativos que adoptan ou lembran a forma dun templo, por exemplo algúns deseños de lanterna no remate dunha cúpula.
Os templetes adoitan ser construcións pechadas, mentres que se carecen de paredes adoita falarse de pavillóns, baldaquinos ou quioscos. Os quioscos de música tamén son denominados ás veces "templetes de música".